Deputación de Lugo
Fondo cabecera CENTRAD

Actualidad

25 artesáns de toda Galicia participarán dende hoxe ata o 12 de outubro no ArteSanFroilán da Deputación

- Santos Ramos subliñou que “o ArteSanFroilán é unha oportunidade única para promocionar a riqueza artesá da nosa provincia, dentro e fóra das nosas fronteiras”
- Nesta edición, participarán 25 artesáns que amosarán os seus traballos en marroquinería, bixutería, coitelería, xoiería, pintura ou escultura, entre outras
- Esta mostra, que ten lugar na Praza Anxo Fernández Gómez de Lugo, poderase desfrutar de balde nun horario de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas

25 artesáns de toda Galicia participarán dende hoxe ata o 12 de outubro no ArteSanFroilán da Deputación

O Vicepresidente da Deputación, Álvaro Santos Ramos, e a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, inauguraron este martes na Praza Anxo Fernández Gómez de Lugo, a XX edición do ArteSanFroilán, a mostra organizada polo organismo provincial, coincidindo coas festas patronais lucenses. Fíxoo xunto a Deputada de Cultura, Artesanía e Deseño, Pilar García Porto, e os 25 artesáns que participan nesta feira de artesanía.

Santos Ramos subliñou que “o ArteSanFroilán é unha oportunidade única para promocionar a riqueza artesá da nosa provincia, dentro e fóra das nosas fronteiras”. O Vicepresidente lembrou o compromiso que da Deputación, e polo tanto do CENTRAD, cos oficios artesanais, “pois defendemos a artesanía como sinal de identidade na provincia para xerar riqueza, postos de traballo e fixar a poboación no rural” remarcou.

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, subliñou o acervo cultural que supón o San Froilán, que naceu como un elemento cultural popular da xente de Lugo, como unha feira de gando e ferramentas, “que non estaría completo sen esta feira de artesanía”. Nesta liña, a rexedora, quen felicitou á Deputación por poñer en valor e investir en actividades que acompañen ao San Froilán, fixo fincapé nesta feira como elemento dinamizador da economía luguesa, que se comproba coa cifra de visitantes que se incrementa ano tras ano.

Así mesmo, Lara Méndez destacou o carácter pedagóxico para os cativos que teñen non só as festas, con numerosas actividades pensadas nos nenos e nenas baixo o San Froilán Miúdo, senón con iniciativas como o Artesanfroilán, que lles permite descubrir unha tradición luguesa.

Nesta ocasión, os participantes son todos profesionais cuxas pezas son de creación e produción propia. Ademais, todos os materiais empregados son transformados dende unhas materia primas autóctonas: madeira, ferro, coiro, cerámica... A mostra, que permanecerá na carpa da praza Anxo Fernández Gómez ata o vindeiro 12 de outubro, estará aberta en horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 horas. A entrada, coma sempre, é gratuíta.

Artesáns participantes
Esta ano, para a selección dos artesáns puntuouse favorablemente a calidade e coherencia no uso de técnicas, tecnoloxías, materiais, cores e tódolos compoñentes do proceso de elaboración das pezas. Ademais valorouse a utilización de materias primas autóctonas; pezas que permitan unha fácil interpretación e ligazón co territorio; ou a innovación tanto nos procesos e materiais empregados como no uso das tecnoloxías de información. Os seleccionados son:

- Celso Núñez Ferreiro (55, A Fonsagrada): O nome do stand deste artesán é Celso Ferreiro Coitelos Fonsagrada. Celso leva traballando máis de 15 anos coa coitelería tradicional de Fonsagrada, recuperando do esquecemento un proceso no que se solda a calda, e introducindo novos materiais e conceptos que se poden ver no seu taller situado na parroquia de San Martín de Suarna.

- Ramiro Rodríguez Domingo (43, Quiroga): O nome do stand é Patapúm como o taller que ten na aldea de Cobas, en Quiroga. Leva máis de 20 anos producindo roupa, bixutería e complementos que crea, pinta e decora el mesmo.

- Pilar López Cupeiro (Cospeito): Pintura, escultura, deseños de interiores ou lámpadas de deseño creativo entre outros conviven e manan do estudio taller que ten en Cospeito. Todas as creacións desta artesá poderanse ver no seu stand Pilar Cupeiro.

- Alfonso Otero Regal (64, Nois): O nome do stand é Regal Cerámica Artesán. É de Nois pero leva traballando todo a súa vida en Viveiro. Amosa os produtos de cerámica elaborados en gres a alta temperatura e decorados a man por el mesmo.

- Carla Canedo Martínez (31, A Coruña): O nome do stand é Carla Alfaia. Esta artesá coruñesa traballa a man con xoiería en prata, concretamente coa técnica da filigrana, que intenta recuperar do esquecemento aportándolle un toque máis contemporáneo.

- José Ramón Lleó Fissure (58, Lugo): O nome do stand é Rappa-Taller. Este artesán leva traballando máis de 30 anos con curtido vexetal facendo marroquinería e complementos. Os produtos están cosidos o 95% a man para que sexan máis sostibles e estéticos.

- Amalgama (Cooperativa de artesáns, Lugo): Adolfo Domínguez Casais e Carmen Fieiras Rifón son os dous artesáns que forman este posto. Adolfo leva máis de 20 anos dedicados a traballar con xoiería e Carmen outros 20 a cestería tradicional, ecolóxica e contemporánea. Posúen unha tenda na cidade, Amalgama, na que ofrecen talleres e espazos para achegar á xente a artesanía.

- Pablo Rodríguez González (46, Quiroga): Armaior é o taller que se pode visitar en Quiroga. Leva traballando coa madeira máis de 15 anos. Nesta edición, no seu stand Armaior Madeira de Oliveira amosará útiles de cociña feitos con madeira de oliva, porque as propiedades desta madeira fan que sexa a máis adecuada para o seu uso na cociña, principalmente polas súas propiedades antibacterianas.

- Hussein Aali-Taleb Fernández (40, Palas de Rei): Este artesán, que leva 5 anos traballando de maneira profesional, amosa todo o traballo que realiza con madeiras autóctonas de Galicia, como utensilios de cociña lacados.

- Gustavo Helling Perlini (57, Arxentina): Este artesán leva traballando en Galicia máis de 20 anos, concretamente, en Sada, A Coruña, onde ten o seu taller Plata Nativa. A súa produción ten dúas liñas de traballo: reproducións arqueolóxicas de xoiería castrexa e xoiería contemporánea de deseños propios.

- Ana Isabel Novo Barreiro (45, Lugo): Co seu stand Tres Caracoles, amosa todo o seu traballo co coiro como moedeiros, bolsos, fundas de móbil, entre outros complementos. Dedícase profesionalmente dende fai 5 anos e ten un taller/tenda na cidade de Lugo onde se exhiben todos os produtos feitos a man por expertos artesáns.

- Manuel Arturo Villares Ochoa (47, A Coruña): Este artesán coruñés participa co stand A Feitura, o taller que ten na Coruña dende o ano 1994. Leva traballando dende moi pequeno con xoiería en prata de 1ª lei como aneis e pendentes. A súa produción en ouro adoita ser personalizada buscando unha máxima conexión co que demandan os seus clientes.

- Vidal Revilla Villegas (56, O Cervo): Este artesán autodidacta traballa el só no seu taller, no que realiza todo o proceso a man; investiga o oficio tradicional e trata de recuperar procedementos que están a piques de perderse. No seu stand Vidal Revilla poderanse mercar artigos como maletíns, bolsos, mochilas, maletas... Realizados con peles de vacún de primeira calidade, curtición 100% vexetal de produción nacional, peles de ovino e porcino para forros de latón, aceiro e zamak.

- María Rodríguez Arias (37, Lugo): Ofrece os seus traballos de xoiaría no taller M&N situado na capital lucense. Empezou a traballar no sector da artesanía hai 10 anos e unha das súas especialidades e o deseño e confección de colares en prata e pedras semipreciosas.

- María Isabel Carril Quiroga (31, Lugo): No ano 2011 decide emprender un novo camiño e centrarse no ganchillo e as manualidades, dedicarse exclusivamente á cerámica, coa apertura dunha nova tenda online www.lanalutum.com. No seu stand Lanalatum, Céramica de autor ofrecerá artesanía utilitaria como pratos, vasos ou cubertos, tamén produtos de decoración y de xoiaría: colares, aneis, pendentes, etcétera.

- Iria Pigueiras Vilar (33, Viveiro): Dedícase á artesanía dende fai nove anos. Arte Imavi é o nome do seu negocio, no que vende todo tipo de obxectos de artesanía, música e fotografía. Leva a súa tenda portátil por moitas das feiras que se celebran tanto na Mariña como noutros puntos da xeografía galega. No seu stand Imavi ofrecerá complementos artesanais de bixutería.

- Alejandro García Lourés (30, Lugo): Este rapaz lucense fai bonecos de lana a ganchillo dende fai tres anos, sobre a tradición cultural e musical de Galicia e deseña figuras de gaiteiros e gaiteiras co traxe típico tradicional galego ou de oficios como labregos, pescadores, polbeiros, entre outros. Todos estes serán expostos no seu stand Amigurumis Jano desta edición.

- Senda (Pobra do Brollón): Adriana Romaní Posse e Javier De Castro Rodríguez son os dous artesáns que compoñen este taller de marroquinería situado no municipio da Pobra do Brollón. Levan máis de 20 anos traballando con curtido vexetal ecolóxico e coa técnica centenaria do armado en coiro, que se poderá apreciar no seu stand Senda.

- Inmaculada Díaz Cabado (38, Lugo): Esta artesá participa co stand Barroenvivo, como o nome do taller que ten na cidade de Lugo. Esta ceramista amosará parte do seu traballo como os cuncos, animais ou debuxos animados, entre outros, que deseña, crea e pinta ela mesma.

- Roberto Lascano Lascano (41, Lugo): Artesanía o mestizo é o nome do stand co que participa este artesán no ArteSanFroilán. Roberto ten unha tenda online http://omestizo.blogspot.com.es/ na que vende todos os produtos que produce con coiro como bolsos, mochilas ou carteiras entre outros, mesturando técnicas galegas e de distintos puntos do mundo como Sudamérica.

- José Luis Labrador Sequeiros (63 anos, Ourense): Este artesán participa co stand Ningures. Estudou electrónica e, durante 23 anos traballou nesta actividade para grandes empresas industriais. Nun momento dado, decidiu abandonar o traballo industrial e facerse autónomo. Este sistema permitiulle compatibilizar o traballo cos estudos de xoiería. Na actualidade dedica a maior parte do seu tempo á xoiería, cun sistema de traballo no que el realiza todo o proceso: deseño, elaboración mecánica, acabado das pezas e comercialización.

- Ester Díaz Vidal (38 anos, Mondoñedo): Aprendeu a traballar con coiro no ano 2001 e dende o 2007 vive exclusivamente da artesanía, participando en diferentes feiras ao longo e ancho do territorio. Ten varias pezas expostas na tenda Amalgama, de Lugo. Na feira ofrecerá artigos de diferente índole no seu stand Fonte Meimil: carteiras, axendas, espellos, bolsos, torques...Todo traballado a man, sen nada de maquinaria.

- Mónica García Grandío (45 años, Lugo): Dedícase á artesanía dende fai cinco anos, ao quedarse sen traballo e dispoñer de máis tempo libre comezou a facer cousas para a súa nena Marina, que da nome ao seu stand: Mis Marinillas, no que vai a expoñer diferentes complementos de moda e deseño.

- Sabela Palacio: (44 anos, Santiago de Compostela): É a titular do taller que mereceu o recoñecemento ó mellor stand da feira ArteSanFroilán no 2011, O Sapo Chosco. Dedícase dende hai 28 anos á elaboración de miniaturas en pasta de cerámica e decoración en cartón pedra. Participou de maneira ininterrompida no ARTESANFROILÁN dende o ano 2007 menos nas edicións de 2012 e 2015.

- Ana Belén Barral Valiña (40, Guitiriz): Esta artesá que participa no ArteSanFroilán, co seu stand Lucecús, crea complementos de moda con feltro e bonecos de lá realizados coa técnica de tecer xaponesa amigurumi. Todos os produtos son feitos a man e encárgase de todo o proceso, dende os deseños ata o empaquetado.

Imágenes

25 artesáns de toda Galicia participarán dende hoxe ata o 12 de outubro no ArteSanFroilán da Deputación                25 artesáns de toda Galicia participarán dende hoxe ata o 12 de outubro no ArteSanFroilán da Deputación         2

Información sobre el documento

Centro de Artesanía e Deseño
Travesía da Rúa Chantada s/n – 27004 Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 21 00 66
E-mail: info.centrad@deputacionlugo.org