Deputación de Lugo
Fondo cabecera CENTRAD

Actualidade

​Preto de 30 actividades conforman a nova edición do Cultura Aberta da Deputación

- Os Martes de Cine Social, os Mércores Miúdos, os Xoves de Música e os Venres de Teatro encherán unha oferta de lecer para todos os públicos dende este martes, 5 de xullo, ao venres 5 de agosto
- García Porto subliñou que “ofrecemos unha vez máis esta programación de actividades para pór en valor a cultura e identidade propia, porque somos conscientes da importancia de investir en Cultura, porque é un motor que dinamiza economía”
- Todas as actividades terán lugar na explanada do INLUDES, ao carón da capela de Santa María 

​Preto de 30 actividades conforman a nova edición do Cultura Aberta da Deputación 1

A Deputada de Cultura, Deseño e Artesanía, Pilar García Porto, presentou este luns nos xardíns do Pazo de San Marcos a nova edición do Cultura Aberta, a programación de actividades lúdicas e culturais que ofrece o organismo provincial dende o 5 de xullo ao 5 de agosto.

Todos os actos se celebrarán na explanada do INLUDES, ao carón de Santa María. No acto, tamén participaron Simone Saibene e Carmen Méndez, Director e actriz protagonista da longametraxe Pelerinaxes, a primeira actividade coa que arranca esta programación gratuíta e aberta a todos os públicos.

García Porto subliñou que “a través do Cultura Aberta, ofrecemos preto de 30 actividades que poñen en valor a cultura e a identidade propia dos galegos. Dende a Deputación somos conscientes da necesidade de establecer a cultura como un recurso económico na provincia, sobre todo, nos tempos de crise que vivimos”.

Neste senso, a Deputada manifestou o “total compromiso do organismo provincial xa non só en colaborar con iniciativas coma esta, senón a desenvolver iniciativas desta natureza, que crean valor engadido para a nosa provincia pero tamén para o país”.

Programación do #CulturaAberta2016

Martes de Cine Social
5 xullo ás 21:30 horas.- Estrea da longametraxe Pelerinaxes, de Simone Saibene
Luzía, unha investigadora licenciada en audiovisuais, percorre as oito etapas da pelerinaxe a pé que fixeron Otero Pedraio, Vicente Risco e Ben-Cho-Shey dende Ourense cara San Andrés de Teixido no 1927, relatada no libro Pelerinaxes I. A súa intención é rematar un proxecto audiovisual sobre o libro, iniciado xunto a outro compañeiro morto anos atrás nun accidente.

12 xullo ás 21:30 horas.- Documental Frankenstein 04155
O 24 de Xullo de 2013 o tren Alvia 04155 descarrilaba a entrada de Santiago de Compostela cun saldo de 81 falecidos e máis de 140 feridos. A verdade oficial sinala como único responsable ao maquinista. Pero unha unha traxedia nunca ten unha soa causa... ¿Qué hai detrás do accidente ferroviario máis grave da historia da democracia? ¿Cáles son as causas e quen tomou as decisións que contribuíron á catástrofe? Ata o momento estes datos permanecían ocultos. Agora xa non.

19 xullo ás 21:30 horas.- Cantando a Manuel María
Contando coa testemuña de familiares, amigos e especialistas sobre Manuel María, faise un percorrido polas facetas máis interesantes da súa vida, para coñecer ao home e atopar así as chaves coas que afrontar a súa obra. O documental repara fundamentalmente paisaxe da súa vila natal, Outeiro de Rei, e tamén no resto da Terra Cha, así como na doutros espazos da súa biografía, como a paisaxe urbana da cidade da Coruña, para buscar tanto unha contemplación introspectiva ou poética, como para imaxinar e sentir os espazos que habitou e defendeu.

26 xullo ás 21:30 horas.- Os fenómenos
Un drama social con pinceladas de humor: Unha muller que vive desde hai tres anos nunha furgoneta na costa de Almería, ve como a súa parella desaparece o día no que Ía comezar a traballar. Regresa co seu bebé ao seu pobo natal en Ferrol e logo de moitas dificultades, consegue un posto peón de albanel. Pronto a súa cuadrilla comeza a destacar entre as demais pola súa extraordinaria capacidade de traballo.

2 agosto ás 21:30 horas.- Vida
Vida é unha película na que Rubén Riós tenta narra 'unha historia sobre a capacidade, na que os protagonistas son persoas con capacidades diferentes. Trátase dunha ficción na que dúas grandes almas cheas de vida, Mónica e Óscar, loitan por sacar adiante os seus proxectos a pesar dos obstáculos que a vida cotiá lles presenta. Neste filme os actores nóveis Óscar Rodríguez e Mónica Ferreiro, comparten repertorio con actores profesionais como Javier Gutiérrez, Mariana Carballal, Estíbaliz Veiga ou Cristina Castaño.

Mércores Miúdos
6 xullo ás 18:30 horas.- The Chipolatas
The Chipolatas son os auténticos “gentelmen of the road”. En xira dende a década dos anos 90, presentan actuacións únicas incorporando habilidades de circo de alto voltaxe, música, teatro e danza, e mesturando acordeón, ukelele, frauta traveseira, harmónica e ritmos acústicos con hip-hop e outros estilos de rúa. Os seus espectáculos e inspiración mergúllanse nas culturas do mundo. Esta é a esencia da súa identidade única.

13 xullo ás 18:30 horas.- Uxia e Magín Blanco. “Canta o cuco”
“Canta o cuco” é a interpretación que dous experimentados creadores vinculados música infantil, Uxía e Magín Blanco, fan os poemas de Manuel María para as nenas e os nenos do século XXI; unha proposta na que unha globalidade de ritmos e estilos musicais visten os versos do poeta, desde a música tradicional propia ata os universos próximos do pop e o rock pasando polos aromas da canción de autor ou os aires latinoamericanos do tango e o son cubano. E todo, baixo a ollada do creador escénico
Inacio Vilariño da compañía Fantoches Baj.

20 xullo ás 18:30 horas.- Paco Nogueiras. Brinca Vai!
Brinca Vai! é un espectáculo no que o actor e músico Paco Nogueiras, acompañado dos seus instrumentos e a súa querida máquina, fai unha divertidísima viaxe chea de humor, bailes e cancións. As alegrías, as amizades, os libros, a poesía, a ecoloxía, as festas estacionais e o respecto á nosa lingua serán parte da equipaxe. Unha fantástica oportunidade de brincar e pasalo ben cos amigos e amigas nun particular camiño onde a música soa con forma dun sorriso.

27 xullo ás 18:30 horas.- Jean Philippe Kikolas. Sin remite.
Sin remite é un espectáculo inspirado no cómico francés Jacques Tati e a súa curtametraxe L'Ecole du Facteurs (I947). Unha personaxe que esperta un aire de nostalxia. Un xogo cos obxectos, a escena e o público. A través da comedia slapstick ou de diferentes gags visuais, Jean Philippe Kikolas introdúcenos no seu particular mundo, achegándonos a un oficio, o de carteiro, que cada vez nos parece máis lonxano. Para elo, emprega varias técnicas de circo, escaleira libre, manipulación de obxectos, malabares de rebote e un sen fin de solución para conflitos que se plantexan, que lle levarán mesmo a introducirse dentro dun globo xigante.

3 agosto ás 18:30 horas.- Lydia Botana. De aquí para alá.
De aquí para alá é unha proposta musical para público infantil interpretada por Lydia Botana, no que os asistentes se embarcaran nunha Viaxe musical a través da que chegarán a todos os continentes, amosando os distintos bailes, instrumentos, a súa natureza... tratando de espertar o interese pola música e a cultura doutros lugares,
valorando a súa diversidade e, por suposto, respectándoa dun xeito didáctico e divertido.

Xoves de cultura aberta
7 xullo ás 21:00 horas.- ITH e Fran Aimil e a tribo incomprensíbel.
ITH: é o grupo que recibe o nome do fillo de Breogán. Formado por Miguel, Toxo, Folgueira, Gonzalo e Lucía, manteñen o principio de facer rock galego e en galego, e parece que esta pretensión é máis ca un feito, xa que contan con máis de 15 anos de traxectoria musical. Agora inician 2016 co lanzamento do seu primeiro CD de estudio chamado que presentaron por toda Galicia. Isto supón ademais un novo comezo para o grupo, xa que afrontan este novo proxecto como un e iniciar todo de cero. Este traballo está cheo de temas que navegan entre o Rock e o Pop máis enérxico, que cobran unha forza especial nos seus directos.

Fran Aimil e a tribo incomprensíbel: 2016 é o ano o no que á palabra de Manuel María se lle adica o Día das Letras. Fran Aimill réndelle a súa particular homenaxe dirixindo á Tribo Incomprensíbel (Paco Cerdeira, Aarón Bouzón, Álex Bardanca e Ricardo Casás) nunha proposta composta por once cancións que son once pinceladas da obra do gran autor chairego. Un espectáculo que xunta palabra e música, mesturando a súa poesía atemporal coa potencia da música contemporánea, vestida de blues, rock e pop. Un espectáculo sen data de caducidade.

14 xullo ás 21:00 horas.- Adufe&Alguidar e Zoelas
Adufe&Alguidar:Sete voces dan corpo a un proxecto de canto e percusión que atravesa simboloxías e tradicións con ritmos de adufe e outros instrumentos, onde experimentar é sempre un convite. No adufe –instrumento musical de orixe árabe- atopamos un medio de viaxar, cal roda cadrada, que axudado por outros compañeiros
sonoros, nos poden levar ata onde esteamos dispostos a chegar. No alguidar -peza de orixe árabe que habitualmente serve para lavar ou amasar- temos a metáfora da reactivación, da reivindicación e da mestura de sonoridades.

Zoelas: O grupo Zoelas, presenta en Cultura Aberta a súa orixinal proposta. Unha aposta pola música de raíz mesturada con ritmos doutros países que dan lugar a un concertono que se viaxa dende a tradición galega ata o blues, a bossa nova ou o flamenco. Zoelas son Beatriz García, Pilar Naveira, María Bouzas, Érica García e Patricia Coucheiro nas voces; Michel Rivadulla na guitarra e no acordeón; Bruno Villamor na requinta, gaita e zanfona; e Miguel Varela (Miki) nas percusións. A muller, o idioma e o rural encamiñan as letras das pezas que son na súa meirande parte, de creación colectiva.

21 xullo ás 21:00 horas.- Foxnola e Vaia Banda!
Foxnola: é unha banda asturgalaica de swing, twist, fox trop, blues, rock primigenio, cha cha cha, con matices locais como o uso do galego-asturiano nas súas letras, que xurdiu no 2015 en torno a catro pilares: a música do acordeonista Abel Pérez, a voz de Ruth Matfn, os arranxos do saxofonista Javier Álvavrez e as letras dos poetas Arturo Álvarez,Hécfor Acebo, Belén Rico, Quique de Roxíos e Alejandro Álvarez. Súmase o guitarrista Michael Lee Wolfe, o contrabaixista David Casillas e o baterista Ethan Winogrand. Esta combinación de música e poesía desemboca nun potente directo con espazos á improvisación, o humor e a reivindicación social.

Vaia Banda! é o espectáculo que Odaiko e Sons e Soños (Banda Rábade-Begonte- Outeiro) presentan conxuntamente para amenizar as cálidas noites estivais, sorprendendo ao público a través dunha proposta musical distinta na que o repertorio tradicional dunha banda de música se mestura co estilo innovador dun ensemble de percusión.

28 xullo ás 21:00 horas.- Fuliada na vila e Sumrrá
Fuliada na vila:Pivotando entre a música tradicional e o jazz, Fuliada na vila recupera os cantos tradicionais para adaptalos ao seu xeito. Neste traballo amosan o repertorio de Rosa e Adolfina Casás, da Vila da Eirexa en Cerceda, xunto con varios cantos da montaña de Lugo. Son músicas/os do mundo do jazz, o tradicional, a música moderna e o folk, convivindo arredor da fuliada (xuntanza na que se canta, se toca e se baila para divertirse). Fuliada na Vila son Branca ViÌlares, Carolina Vázquez e Pepa Yánez (voces e percusión), Richi Casás (saxo soprano e percusión) José Ares (batería), Carlos Santos (baixo), Fran G.Galán (guitarra), Frank Barcia (acordeón) Xan Xove (gaita) e Pablo Pinto¡ (zanfona e gaita).

Sumrrá: Con 15 anos e 5 discos editados, Sumrrá é un dos novos referentes do jazz contemporáneo. Dende o 2000 participaron en numerosos festivais nacionais e internacionais nos que presenta composicións propias cun directo arrollador e novidoso ao que avalan as mellores críticas: Festival de Jazz de Madrid, Festival de Jazz de Oviedo, Ciclo 1906 de Jazz, Festival ImaxinaSons, Festival Internacional Tanjazz (Tánxer), Festival Internacional de La Paz (Bolivia), Joy of Jazz (Sudáfrica), Festival de Jazz de Sofía (Bulgaria)...No 20l6 lanza o seu quinto disco titulado <5 journeys>, inspirado nalgunhas das cidades polas que Simrrá ten actuado nas súas xiras internacionais.

4 agosto ás 21:00 horas.- Lucus Ensemble e Uxía canta a Manuel María
Lucus Ensemble xurde en 2014, froito da inquietude musical da violonchelista Cristina Nogueira e o clarinetista Santiago Noriega. Propuxéronlle levar a dirección musical da agrupacoón ao mestre Alejandro Troya, o que se fixo cargo tamén, xunto cos trompetistas e acordeonista Moisés López, das adaptacións e arranxos do programa. Conta cun plantel fixo de dez músicos ademais dos xa mencionados: Tania Balboa (oboe) AdrIán Balboa e Miguel A. Díaz (clarinetes), María Losada (fagot), Cristina Díaz (frauta), Araceli Martínez (contrabaixo) e Carlos Vázquez (percusión), e nace coa intención de facerse un oco no elenco de grupos de cámara de Galicia.

Uxía canta a Manuel María: Este espectáculo é o gozo sinxelo dun canto ao gardador das albas que nos fai crer aínda no ser humano, un home que andou esta terra, parroquia por parroquia, lugar por lugar, face a face. Uxía arroupa a súa poesía coa delicadeza das melodías que foi atopando nos camiños, coa luz, a beleza, a paixón e o latexar sincero da emoción que emana dos seus poemas, amando cada palabra, cada verso e cada nota para poñer en valor o seu valiosísimo e prezado legado. Percorre os diversos camiños e temáticas poéticas de Manuel María, desde a amorosa e intimista, á paisaxística e popular, desde a máis transcendente e metafísica até a reivindicación da natureza ou defensa da lingua.

Venres de escena:
8 de xullo ás 21:00 horas.- Talía Teatro: Foucellas.
Ano 1952. Un maquis, un guerrilleiro, un resistente. Un dos últimos homes do monte. Dos que axente podería chamar, xenericamente, un “foucellas”. Mesmo podería ser o Foucellas. Ou non, Ou sí. Quen sabe! Firmeza, teimosía, dúbida, certeza, lealdade, inercia, utopía, inxenuidade, rebeldía, resignación, adaptabilidade, determinación... as armas dunha crúa batalla dialéctica nun tempo terminal. Ficción, mito e realidade nunha proposta para pensar nun momento histórico.... o pulso metafórico sobre un trasno co que, colectivamente, ás veces, nos enfrontamos: a xestión da esperanza, da administración da derrota.

15 de xullo ás 21:00 horas.- Teatro do Morcego: Presidente.
En plena campaña electoral, coas enquisas vaticinando a derrota do seu partido, o Presidente do Goberno e os seus asesores deciden tomar unha iniciativa desesperada: O Presidente visitará aos votantes na súa casa. Distintas familias recibirán a inesperada visita: unha familia humilde en situación crítica, unha familia ultraconservadora, ou unha familia monoparental antisistema. Conseguirá o presidente o voto de xente tan variada darlle a volta ás enquisas e continuar gobernando outros catro anos? Coñecerán o resultado das eleccións ó final desta comedia electoral de manipulación política.

22 de xullo ás 21:00h.- “Transformando o presente”
Os ilusionistas Martín Camiña e Fani Triana, e o baixista Álvaro Muras, presentan un
espectáculo no que se desenvolve a arte da mutación a través do ilusionismo, a música e a actualidade social. Cordas, cadernos, asentos que cobran vida, sorpresas a dúo, cabinas doutro tempo, humor, a participación dos espectadores, un baizo eléctrico...proxectan situacións surrealistas: os sons que percibimos non son reais? O que estamos a ver correspóndese co que estamos a escoitar? Maxia e melodías buscan alterar a realidade, nun espectáculo cheo de efectos sonoros e emocións visuais. Ilusións fascinantes e prezas sonoras orixinais ao vivo compostas en clave fantástica.

29 de xullo ás 21:00 horas.- Pistacatro Produtora de Soños: “Ímpreuna
Ambientado na época actual, Ímpreuna é un espectaculo que se mergulla nos códigos artísticos artísticos do circo (malabares, aéreos, acrobacias e clown), sen renunciar á fusión sen complexos con outras artes vivas, como a danza, o teatro físico e a comedia.

O espectáculo mostra ao espectador o mundo interior do Circo a través das vivencias e das pequenas aventuras cotiás dunha troupe 7 artistas: as relacións en grupo, a amizade, a familia, o traballo en comunidade, a solidaridade e a cooperación.

A linguaxe corporal é o instrumento que articula a comunicación entre artistas e público para demostrar que “o máis difícil” non é un exercicio circense, senón o lado humano das persoas que se dedican o maior espectáculo do mundo.

5 de agosto ás 21:00 horas.- Ibuprofeno Teatro: «Raclette»
A Raclette é un xeito de comer en comunidade inventado polos pastores suízos que, para escorrentaren o frío e a soidade da montaña, se reunían arredor dunha pedra quentada ao lume para ir cociñando nela -a medida que comían- queixo, carne e verduras. Esta raclette urbana e contemporánea une, durante unha cea, cinco personaxes que conforman un complexo mosaico humano. Provoca un choque entre visións do mundo que se volven incompatibles pero que han de convivir a pesar das diferenzas. Son cinco universos que reflicten as contradicións dunha sociedade enferma que devora aos seus integrantes.

Imáxes

​Preto de 30 actividades conforman a nova edición do Cultura Aberta da Deputación   2

Información sobre el documento

Centro de Artesanía e Deseño
Travesía da Rúa Chantada s/n – 27004 Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 21 00 66
E-mail: info.centrad@deputacionlugo.org