Deputación de Lugo
Fondo cabecera CENTRAD

Actualidad

Solidariedade e deseño na exitosa Gala Lvcvs Moda 2015 que reuniu a máis de 500 persoas no Círculo das Artes

- A 6ª edición do desfile de moda dedicado á Mariña e presentado pola actriz galega Mariana Expósito, permitiu recadar preto de 10.000 euros que se entregarán nos próximos días ao Fogar do Transeúnte
- O evento fixo de escaparate dos 6 deseñadores, 16 firmas de artesanía e 9 peluquerías grazas á ampla cobertura dos medios de comunicación e ao traballo dos profesionais da Fundación TIC e dos alumnos da Escola de Imaxe e Son
- As mellores imaxes dos modelos presentados en coleccións sorprendentes e innovadoras, as fotografías do concorrido photocall e o vídeo íntegro da Gala, poderanse ver proximamente na web www.deputacionlugo.gal

Solidariedade e deseño na exitosa Gala Lvcvs Moda 2015 que reuniu a máis de 500 persoas no Círculo das Artes

A 6ª edición da Gala Lvcvs Moda constituíu de novo un escaparate excepcional para os profesionais da moda lucense, que conseguiron facerse co público un ano máis cuns desfiles cheos de creatividade e innovación. Máis de 500 persoas, entre as que se atopaban a Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, e a Concelleira de Cultura, Carmen Basadre, estiveron presentes neste acto benéfico presentado pola actriz Mariana Expósito e que tivo lugar hoxe no Círculo das Artes, conseguindo recadar preto de 10.000 euros que se entregarán ao Fogar do Transeúnte da capital lucense.

Nesta edición, 31 firmas da provincia de moda, peluquería e artesanía se reuniron nunha gala que desde as súas orixes pretende dar a coñecer e dar pulo a profesionais do sector, así como proxectar as súas creacións nun escenario abarrotado de asistentes. Ademais, moitos dos deseños que se presentaron estaban inspirados na Mariña Lucense como protagonista deste acto, deixando patente o apoio institucional a dito enclave natural.

Pulo para a moda da provincia
Un ano máis, os participantes na Gala amosaron a calidade das súas coleccións e peiteados cun grato recibimento por parte dos asistentes. Os 6 deseñadores, 16 artesáns e 9 peluquerías conseguiron a conxugación perfecta entre tradición e innovación, pasado e futuro, clasicismo e vangarda. Esta combinación fai que o sector se teña valorado xa como punteiro, despois de promocionar estes eventos que ao longo dos anos foron consolidando un potencial xerador de emprego e riqueza para a provincia.

Como xa é costume, a Deputación repartiu entre o público un pequeno libreto con toda a información sobre os profesionais que formaron parte do acto. Deste xeito, poderanse adquirir as creacións expostas tanto de artesáns como de deseñadores, ou ben acudir ás peluquerías que, este ano, sorprenderon tanto cos seus peiteados como co maquillaxe realizado.

Cobertura e difusión mediática
Como xa era de esperar pola experiencia das anteriores edicións, o evento benéfico de moda contou cunha ampla cobertura dos medios de comunicación, que difundiron o desfile coas propostas dos profesionais lucenses. Ademais, cómpre salientar o impacto que tivo nas redes sociais tras a subida de fotografías, vídeos e multitude de comentarios que se foron facendo no instante no que ían aparecendo os modelos.

Por outra parte e grazas ao traballo da Fundación TIC e dos alumnos da Escola de Imaxe e Son, proximamente se publicará na web da Deputación a gravación íntegra da gala, así como todo o acontecido fóra da pasarela. Tamén se farán públicas as fotografías do photocall e aquelas imaxes dos deseños máis chamativos para ter constancia desta noite de moda e espectáculo.

As propostas dos creadores
Os seis deseñadores mostraron as súas propostas claramente inspiradas na Mariña Lucense, con especial coidado nos tecidos e bordados artesanais.

Lucía Dorado amosou a súa primeira colección de roupa Chicadecanela para primavera 2015, de clara inspiración vintage, con guiños sesenteros, pero moi actual na elección de tecidos e volúmenes. Con prendas sinxelas e asequibles, femininas e con personalidade, mostrou unha colección deseñada en Lugo e fabricada integramente entre Galicia e o norte de Portugal.
Tina Cortón presentou nesta edición unha colección inspirada nas modistas luguesas dos anos 70 Maruja Bértolo, Antonia Casal e La Morandeira. Segundo afirma a deseñadora, moitas lucenses aínda conservan algúns dos vestidos, elaborados cuns tecidos difíciles de conseguir actualmente. Mirándose neste espello, abarca desde deseños máis casual ata vestidos de festa moi innovadores. Pasou dunha liña mariñeira de pantalóns curtos a outra hippie e folk, rematando con modelos festivos de elaboración sutil, caída elegante, meticulosa e etérea, mantendo o carácter artesanal dos bordados a man.
Monste Arias levou á pasarela a colección “Luces y sombras” nun intento por identificar á muller actual nos seus deseños con esa ambigüidade entre sensibilidade e fortaleza. Comezou así cunha primeira parte na que destaca a cor amarela, a luz e naturalidade das teas, con aplicacións bordadas e superpostas de textura delicada. Continuou cunha segunda parte, a das sombras, con tons máis escuros, tecidos con gravados, detalles con pedrerías cosidos a man, para representar a esa faceta máis forte, temperamental e sexy da muller. Pechou o seu desfile cun traxe de noiva sorprendente, fóra do tradicional.
Manuel Bolaño presentou a súa colección “Palomo Cojo”, inspirada na comunidade rumana que está emigrando ao noso país. Con isto pretendeu facer un paralelismo entre as pombas e os rumanos que viven en malas condicións; de feito, desfilou unha muller que foi unha das divas máis recoñecidas nos anos 70 en Rumanía e que na actualidade reside en España, vestindo un abrigo de nutria con zorro. Tamén desfilaron pola pasarela vestidos hippies, con moitos estampados, flores e texturas diferentes nun intento de representar o caos a través destas prendas.
María Tacón repite este ano da man de Purificación Godoy, presentando unha colección en branco e negro cun certo aire retro dos anos cincuenta. Os tecidos vaporosos cubriron a pasarela con esta proposta fresca e innovadora, adaptada aos novos tempos. Un traxe de noiva curto, alternativo e fóra do tradicional espertou a mirada dos asistentes. Sen perder de vista o obxectivo, as vestimentas elaboradas con neopreno e o ramo de noiva presentaron un toque alusivo con motivos mariñeiros.
Luis Areñas dividiu o desfile en dúas partes ao ter aberto a súa segunda tenda fai 20 días. Coa súa firma de roupa Veritas Veritatis Luis Areñas amosou vestidos máis comerciais dirixidos a unha muller xoven, combinando motivos étnicos con peletería ou ante. Na segunda parte as modelos desfilaron coa firma Luis Areñas, caracterizada pola alta costura, tecidos moito máis traballados, con bordados en cristal e sedas naturais.

Os 16 artesáns expuxeron as súas creacións de marroquinería, xoiería e outros complementos de vestir, combinando tradición e vangarda. Tamén amosaron prendas de vestir realizadas con fibras naturais tecidas con técnicas de cestería, lá, coiro e seda; xoias elaboradas con materiais innovadores e metais nobres; e mesmo os asistentes puideron observar a orixinalidade dalgúns traxes tradicionais galegos.

Por terceiro ano consecutivo, o desfile de peiteados e maquillaxe supuxo un espectáculo que non deixou indiferente a ninguén. Logo de moitas horas de traballo, os estilistas e peluqueiros que participaron na gala amosaron as súas propostas innovadoras e inspiradas na Mariña Lucense.

11 empresas colaboradoras
A Gala de moda lucense, consolidada como unha oportunidade económica pra todos os participantes, suscitou o interese de 11 empresas colaboradoras: Dick&Paul; Cuplé; IES Muralla Romana; Janeiro Floristería; Lolita Blu; Ramón Rebolo; Lucus Piel Peletería; Marcos Peón, M&N Joyas; Messalina e Modesto Santa Eularia.

Imágenes

 Solidariedade e deseño na exitosa Gala Lvcvs Moda 2015 que reuniu a máis de 500 persoas no Círculo das Artes 2  Solidariedade e deseño na exitosa Gala Lvcvs Moda 2015 que reuniu a máis de 500 persoas no Círculo das Artes 3

Información sobre el documento

Centro de Artesanía e Deseño
Travesía da Rúa Chantada s/n – 27004 Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 21 00 66
E-mail: info.centrad@deputacionlugo.org