Deputación de Lugo
Fondo cabecera CENTRAD

Actualidad

Hórreos, cabozos e esculturas de pedra, madeira e ferro na nova exposición que estreou esta tarde o CENTRAD

- Lara Méndez inaugurou a mostra Meiregos, que reúne unha trintena de pezas dos artistas lugueses Manuel Pardo López e Xesús Villamide Díaz
- A exposición permanecerá aberta ata o 30 de abril no pavillón 4 do CENTRAD no horario habitual: de luns a venres, de 09:00 a 19:00 horas. A entrada é gratuíta
Hórreos, cabozos e esculturas de pedra, madeira e ferro na nova exposición que estreou esta tarde o CENTRAD_FOTO

A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, inaugurou este luns a nova exposición do Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD), “Meiregos”, unha mostra que reúne unha trintena de pezas de Manuel Pardo López e Xesús Villamide Díaz, dous albaneis nados na contorna de Meira, en Ribeira de Piquín e Pol, que dedican o seu tempo de lecer á artesanía.

No acto de presentación, no que tamén estivo presente o comisario da mostra e Presidente da Asociación de Amigos do Camiño Francés na Comarca de Sarria, colectivo que colabora coa organización desta exposición, Jorge López, e os propios artistas; Méndez destacou que “existe moito talento na provincia, e como mostra delo temos a Manuel e Xesús, dous lugueses, dous meiregos e dous artistas que manteñen viva unha profesión artesana como é a albanelería, ao tempo que se fan un oco noutra disciplina como a escultura. Por este motivo, e por traballar en prol da conservación dos oficios artesanais e en prol da cultura luguesa, merecen que tanto o Centro de Artesanía e Deseño como a Deputación acollan e mostren o seu traballo”.

A Vicepresidenta subliñou ademais o compromiso do organismo provincial cos oficios artesanais dentro da súa aposta pola artesanía como sinal de identidade e atractivo da provincia para xerar riqueza e fixar poboación no rural. “Coa organización deste tipo de mostras poñemos en valor a artesanía lucense e difundímola ao exterior”, sentenciou Méndez.

25 creacións “meiregas”
O pavillón 4 do Centro de Artesanía e Deseño, centro dependente da Deputación, acolle estra mostra, que reúne unha trintena de creacións a mans de Villamide, que opta pola elaboración de hórreos e cabozos que simulan aos típicos da zona norte da provincia de Lugo; e de Pardo, que realiza esculturas de pedra, madeira e ferro. Entre as pezas que se poden ver, destaca a Bodega de Forno, unha obra que recrea un cabozo ás portas da bodega onde se atopaba tradicionalmente o forno de cocer o pan, e a Man de Irimia, escultura de pedra da Serra de Meira, que cada ano Pardo realiza para os actos do 21 de setembro no Pedregal.

Horarios da exposición
Meiregos permanecerá aberta ata o 16 de abril no pavillón 4 do CENTRAD no seu horario habitual: de luns a venres, de 09:00 a 19:00 horas. A entrada é de balde.

Información sobre el documento

Centro de Artesanía e Deseño
Travesía da Rúa Chantada s/n – 27004 Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 21 00 66
E-mail: info.centrad@deputacionlugo.org