Deputación de Lugo
Fondo cabecera CENTRAD

Actualidade

A Deputación colabora coa campaña solidaria Xoguetes en movemento do motoclub Lóstregos Lucus

- Uns 230 nenos de familias desfavorecidas recibiron xoguetes no pavillón 4 do CENTRAD, instalacións cedidas polo organismo provincial para a causa
- A iniciativa de Lóstregos Lucus tamén conta coa colaboración da empresa Alibós Galicia, xunto co apoio de 12 establecementos da cidade, a compañía Hipócrita teatro e Lugo Rock

A Deputación de Lugo colabora coa campaña solidaria Xoguetes en movemento, que o motoclub Lóstregos Lucus impulsa dende hai cinco anos, cedendo as instalacións do CENTRAD para organizar a recollida de material. Os agasallos foron entregados esta mañá no pavillón 4 do Centro de Artesanía e Deseño a nenos de familias desfavorecidas ás que non lles é doado comprar agasallos de Nadal.

O traballo da cidadanía, cos seus donativos desinteresados, e a colaboración dos establecementos da cidade, que funcionaron como puntos de recollida de material, foron clave para levar a término a campaña. Ao mesmo tempo, a organización Lugo Rock colaborou comprando xoguetes para a campaña e a compañía Hipócrita Teatro levou a cabo un concerto para axudar á causa.

O punto de partida estivo no centro da cidade, onde os rapaces e os cidadáns que se achegaron ata alí puideron tomar un chocolate quente e desfrutar dunha boa convivencia previamente a que a caravana de motos deu comezo. O reparto de agasallos foi a cargo de Papá Noel, quen grazas á axuda de aproximadamente 50 membros de Lóstregos Lucus chamou a cada rapaz polo seu nome e fíxolle entrega do xoguete.

Aproximadamente 230 nenos de entre 0 e 14 anos foron os beneficiarios desta campaña, atendendo a peticións de axuda, como a do Banco de Alimentos, traballadores sociais de Cáritas ou a Igrexa de Santiago a Nova. Este proxecto solidario ten como principal obxectivo que ningún neno quede sen un agasallo en Nadal, e que todos poidan desfrutar destas fechas sinaladas do ano.

Información sobre el documento

Centro de Artesanía e Deseño
Travesía da Rúa Chantada s/n – 27004 Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 21 00 66
E-mail: info.centrad@deputacionlugo.org