Deputación de Lugo
Fondo cabecera CENTRAD

Actualidad

90 cativos converteranse en pequenos artesáns durante o Nadal cos novos obradoiros que organiza o CENTRAD

- Regina Polín presentou hoxe esta programación, que ofrece un total de 90 prazas gratuítas en 6 obradoiros repartidos en dúas quendas: 22, 23 e 26 de decembro a primeira, e os días 29 e 30 de decembro e o 2 de xaneiro, a segunda
- Os talleres, impartidos polos mestres dos obradoiros do CENTRAD, están dirixidos a nenos de 5 a 15 anos e desenvolveranse de 09:00 a 14:00 horas
- A inscrición poderá facerse a partir do vindeiro luns 24 de novembro. O formulario terá que entregarse no Rexistro Xeral da Deputación ata o 3 de decembro. O modelo de solicitude estará dispoñible a partir de luns en www.deputacionlugo.gal

90 cativos converteranse en pequenos artesáns durante o Nadal cos novos obradoiros que organiza o CENTRAD

A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, anunciou hoxe a nova programación de actividades organizadas polo Centro de Artesanía e Deseño, dependente da Deputación, para os máis cativos da casa na época do Nadal. Serán 90 prazas gratuítas en 6 obradoiros diferentes, para nenos de 5 a 15 anos, que se desenvolverán en 2 quendas.  Este é o terceiro Nadal que se celebran estes obradoiros artesanais, que a Deputación puxo en marcha para que os nenos empreguen as súas épocas de ocio escolar con actividades de lecer diferente e cuns horarios que facilitan que nais e pais poidan conciliar a familia e o traballo.

No acto, Polín, que estivo acompañada polos artesáns do CENTRAD, destacou o rotundo éxito destes obradoiros “tan sinalados no calendario das familias luguesas, cuxas prazas se cobren en apenas un par de días”. A Deputada fixo tamén fincapé na “oportunidade de coñecer a tradición artesanal da provincia” que lle ofrecen estas actividades, moi diferente das habituais, aos rapaces. “Unhas actividades nas o que os nenos compartirán experienciencias con outros rapaces da súa idade procedentes de toda a provincia luguesa ao tempo que se sensibilizan coa artesanía”, sentenciou Polín.

2 quendas, 90 prazas, 6 obradoiros e 5 disciplinas artesanais
Nesta edición, os 6 obradoiros que ofrece o CENTRAD están centrados en 5 disciplinas artesanais: traxe rexional en “Adornando o Nadal” e “Xogos e motivos para o Nadal”; libro en “Estampas de cor”, instrumentos musicais en “Caixa de música-zanfona”, tapicería en “Fai o teu cascabel” e cestería en “Fai o teu cabazo de vimbio”. Os cursos celebraranse en dúas quendas: 22, 23 e 26 de decembro a primeira, e os día 29 e 30 de decembro e o 2 de xaneiro, a segunda. Os dous primeiros días de cada quenda os participantes compaxinarán os obradoiros coa visita a unha exposición, reservando o terceiro e último día para unha actividade diferente. A programación ten en conta as idades e as capacidades dos nenos participantes, se ben terase un monitor de apoio, ademais do propio persoal do CENTRAD, para os nenos con necesidades especiais para que podan aproveitar ao máximo estes obradoiros.

A artesá do obradoiro de traxe rexional do CENTRAD, Dolores Palacios, encargarse de impartir o curso “Adornando o Nadal”, para os nenos de 5 a 7 anos da primeira quenda. Na segunda quenda, os cativos desta idade elaborarán con tecidos, tesoiras, pegamento e cores “Xogos e motivos para o Nadal”, a cargo de Beatriz Rodríguez.

Alfonso Rodríguez e Diego López, do obradoiro do libro, impartirán o taller “Estampas de cor”, dirixidos aos rapaces de 8 a 10 anos. Para este tramo de idade na segunda quenda, o mestre de tapicería Ángel Fernández ensinaralle aos rapaces a tapizar un cascabel.

O obradoiro “Caixa de música-zanfona”, que se celebrará na primeira quenda, está pensado para mozos de 11 a 15 anos. Nel aprenderán, da man de Luciano Pérez, a familiarizarse cos materiais e ferramentas empregados na construcón de instrumentos, así como descubrir como diversos factores inflúen na emisión do sonido. Tamén para este tramo de idade, pero neste caso na segunda quenda, o curso programado é “Fai o teu cabazo de vimbio”, grazas ao cal os nenos participantes, coa axuda do cesteiro Félix Palacios, poderán desenvolver a súa creatividade e mellorar as súas habilidades manuais fabricando unha peza de cestería con materiais como roten, madeira e pinturas para decorar.

O último día de cada quenda os rapaces de 5 a 7 anos realizarán diversos xogos e actividades educativas mentras que os mozos de 8 a 15 anos modelarán unha zanfona baixo a direción do luthier Antonio Franco.

Trátase, pois, dunha oferta de 90 prazas totalmente gratuítas, 15 por cada un dos seis cursos, e das que un 15% están reservadas para nenos con necesidades especiais. O horario será o mesmo para todos os cursos, de 9:00 a 14:00 horas, cun descanso de 11:00 a 11:30 horas, durante o que poderán repoñer forzas co almorzo que traian da casa os que así o desexen.

Inscricións
Para inscribirse nos Obradoiros Artesanais de Nadal deberase presentar o formulario de inscrición debidamente cumprimentado. O prazo será a partir do vindeiro luns 24 de novembro ata o 3 de decembro, ambos inclusive, e o formulario poderase descargar na web www.deputacionlugo.gal a partir do luns. Este deberase entregar no Rexistro Xeral da Deputación, no Pazo de San Marcos, en horario de 09:00 a 14:00 horas. As inscricións realizaranse seguindo a rigorosa orde de solicitude, tendo preferencia os nenos dos solicitantes que acheguen un certificado de empresa acredianto que os pais traballan nos días de celebración dos obradoiros.


Información sobre el documento

Centro de Artesanía e Deseño
Travesía da Rúa Chantada s/n – 27004 Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 21 00 66
E-mail: info.centrad@deputacionlugo.org