Deputación de Lugo
Fondo cabecera CENTRAD

Actualidade

A historia da Pegada de San Francisco en Galicia continúa no Cebreiro, tras recibir un milleiro de persoas na Capela de Santa María

- Gómez Besteiro inaugurou a mostra que acolle a Igrexa de Santa María do Real, un dos monumentos máis antigos da ruta xacobea, onde se reúnen 40 pezas históricas que ofrecen unha completa visión da orde franciscana na historia e arte galegas
- A mostra, de acceso gratuíto, permanecerá aberta ata o 8 de decembro en horario ininterrompido de 09:00 a 19:00 horas de luns a domingo. Logo, trasladarase á Hospedaría de San Martiño Pinario de Santiago de Compostela dende o 12 ao 28 de decembro

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, inaugurou este xoves na Igrexa de Santa María do Real, en Pedrafita do Cebreiro, a exposición itinerante A Pegada de San Francisco en Galicia, que amosa o legado franciscano xusto cando se cumpren 8 séculos da súa chegada. O Cebreiro é a segunda parada desta gran mostra da historia da Orde de San Francisco en Galicia, e da pegada desta nas diferentes manifestacións artísticas do país, tras o seu paso pola capital luguesa, onde recibiu a visita dun milleiro de persoas na Capela de Santa María durante os meses de setembro e outubro.

No acto de presentación, no que tamén estivo presente o Alcalde de Pedrafita do Cebreiro, José Luis Raposo, o Bispo de Lugo, Alfonso Carrasco e o Ministro Provincial da Provincia Franciscana de Santiago da Orden de Frailes Menores, José Antonio Castiñeira; o Presidente sinalou a “oportunidade única” que supón esta exhibición “para descubrir a influencia que no pensamento occidental tivo o nacemento da orde franciscana, non só durante a Idade Media e o Renacemento, senón tamén na Idade Moderna”; ao tempo que recordou a influencia da orde na pedagoxía e en manifestacións culturais como a literatura ou a música.

Gómez Besteiro tamén fixo fincapé nos espazos expositivos que están a acoller esta mostra: “primeiro a Capela de Santa María, espazo referente no circuito artístico lugués e galego por acoller exposicións de natureza ben diferente e de grande interese para o público; e agora o templo de Santa María do Real, un dos monumentos máis antigos da ruta xacobea integramente conservado e punto de referencia para os milleiros de peregrinos que ao largo do ano realizan o Camiño Francés, o camiño con máis tradición histórica, que no pasado 2013 rexistrou o 70,3% dos viaxeiros, máis de 151.000 peregrinos”. O Presidente destacou tamén o interese e a disposición mostrada polo Alcalde de Pedrafita para que unha exhibición tan relevante como A Pegada de San Francisco fora acollida nun dos monumentos referentes deste municipio. 

Corenta pezas de gran valor histórico e artístico
Esta exposición itinerante congrega 40 pezas por primeira vez no país reunidas nun mismo lugar, ofrecendo unha completa visión, dende moi diferentes puntos de vista, da influencia da orde franciscana na historia e arte galegas. De feito, esta é a primeira vez que todos os obxectos presentes, todos eles de gran valor histórico e artístico, saen dos seus lugares de exposición e depósito habituais para amosarse ao público nunha mostra itinerante. Trátase dunha corentena de pezas, dende documentos ata pinturas ou esculturas pasando por relicarios e testamentos do século XVI, procedentes do Convento de San Francisco de Santiago de Compostela, tanto do Arquivo como da Biblioteca; do Museo de Terra Santa, do Santuario de Santa María da Real e das parroquias de O Temple e de Veiga das Forcas, en Pedrafita do Cebreiro, xunto con outros procedentes do Museo Catedralicio de Lugo.

Horarios da exposición
A Pegada de San Francisco en Galicia permanecerá aberta ata o 8 de decembro en horario ininterrompido de 09:00 a 19:00 horas, de luns a domingo. A entrada é de balde. Para rematar, trasladarase ao Salón do Peregrino da Hospedaría de San Martiño Pinario de Santiago de Compostela dende o 12 ao 28 de decembro.

Información sobre el documento

Centro de Artesanía e Deseño
Travesía da Rúa Chantada s/n – 27004 Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 21 00 66
E-mail: info.centrad@deputacionlugo.org