Deputación de Lugo
Fondo cabecera CENTRAD

A COLECCIÓN

Visita Virtual Arquivo documental Zanfonas contacto

contacto

A colección está constituída por fondos procedentes da antiga sección de música do Museo Provincial de Lugo, fondos de produción propia froito de diferentes proxectos de investigación, adquisicións, doazóns e depósitos de particulares. Completan a colección importantes fondos documentais e bibliográficos reunidos ao longo destes anos relacionados coa materia.

A tipoloxía dos seus bens abrangue instrumentos de música, tanto do patrimonio musical galego como numerosos exemplares procedentes doutras culturas, instrumentos mecánicos, obxectos e xoguetes sonoros, indumentaria tradicional e réplicas en petro de iconografía musical. Destaca a colección máis importante en Europa de instrumentos de corda medievais dos séculos XII e XIII.

O percorrido inclúe a visita ás catro salas de exposición permanente e ao obradoiro de instrumentos musicais que está integrado nas instalacións, igualmente pódense visitar os obradoiros e exposicións que forman parte do Centro de Artesanía e Deseño.

A Sala Antón de Marcos recrea o obradoiro histórico fundado no ano 1951 coas ferramentas e útiles de traballo de Paulino Pérez, así como a longa traxectoria investigadora e formativa de artesáns e intérpretes.

A Sala Xelmírez reúne réplicas dos instrumentos representados nas ménsulas do pazo de Xelmírez anexo á catedral compostelá, estación táctil, xoguetes sonoros e unha importante colección de trompas de boca entre outros. A Sala Pórtico da Gloria amosa as réplicas dos instrumentos representados no pórtico da catedral compostelá, nos manuscritos de Leonardo de Vinci e unha importante colección de zanfonas.

Por último, a Sala Faustino Santalices e Paulino Pérez, en honra aos fundadores do obradoiro, alberga instrumentos ligados á música tradicional galega e unha sección dedicada aos instrumentos mecánicos e de corda de diferentes partes do mundo.

A oferta complétase cun servizo de visitas coas modalidades de: guiada, técnica e activa. Tamén cun servizo de consulta dos fondos bibliográficos e documentais da colección. Está recoñecida pola Xunta de Galicia como colección visitable de contido especializado en música dende o ano 2008

Enlaces Adicionales

Información sobre el documento

Centro de Artesanía e Deseño
Travesía da Rúa Chantada s/n – 27004 Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 21 00 66
E-mail: info.centrad@deputacionlugo.org