Deputación de Lugo
Fondo cabecera CENTRAD

Actualidade

300 palilleiras amosarán o sábado en Lugo a súa arte en vivo co PalillAD da Deputación e Concello

- O Presidente e a Alcaldesa presentaron a programación de actividades gratuítas que acolle a cidade lucense para poñer en valor este oficio e dinamizar a economía
- Por primeira vez, a capital acolle este sábado o encontro de palleiras de Galicia, Asturias e Castela León, que palillarán en vivo na Praza da Horta do Seminario. Haberá un mercado e menús especiais nos establecementos da zona
- A Capela de Santa María acollerá unha mostra sobre o encaixe moderno e será escenario de 6 obradoiros. As inscricións en info.centrad@deputacionlugo.org

300 palilleiras amosarán o sábado en Lugo a súa arte en vivo co PalillAD da Deputación e Concello

O Presidente, Darío Campos Conde, e a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, acompañados de palilleiras da provincia, presentaron este luns na Praza de San Marcos, o PalillAD. É a programación de actividades gratuítas que organiza a Deputación, coa colaboración do Concello de Lugo, para poñer en valor o traballo das palilleiras e contribuír á dinamización social e económica da provincia. Desenvolverase durante os meses de xuño e xullo na capital luguesa. Inclúe un encontro de 300 palilleiras, un mercado, unha exposición e 6 obradoiros.

Campos Conde destacou que “o traballo meticuloso e vocacional destas mulleres, que se transmite de xeración en xeración, foi durante moitos anos un piar económico no rural. Hoxe contamos con 12 asociacións de palilleiras e preto de 1.000 profesionais deste oficio na nosa provincia. Co PalillAD queremos promover un dos sectores máis importantes da artesanía e dinamizar a economía da nosa provincia”. Méndez López apuntou que “Lugo non podía ser menos. Por primeira vez, a nosa cidade acolle este encontro de palilleiras co que queremos poñer en valor e dignificar un oficio tan importante para a sociedade”.

1º encontro de palilleiras en Lugo

O encontro de 300 palilleiras de Galicia, Asturias e Castela León terá lugar o vindeiro sábado, 17 de xuño, na Praza Horta do Seminario da cidade. De 11:00 horas e 13:00 horas, e de 16:00 a 19:00 horas, estas profesionais palillarán en vivo. Haberá un mercado de materiais para o encaixe grazas á colaboración da Asociación Agulla Máxica de Lugo. Nos establecemos hostaleiros da zona ofreceranse menús con prezos especiais grazas á colaboración da Asociación Provincial de Hostaleiros.

Trátase do primeiro encontro de palilleiras na cidade lucenses. Participarán artesáns de Lugo, Ourense, A Coruña, Oviedo e León. Palillarán agrupadas por colectivos intercambiando os seus coñecementos e amosando o seu traballo a todos os asistentes ao encontro.

Exposición

A programación do PalillAD conta cunha exposición na Capela de Santa María do 15 de xuño ao 25 de xullo ao redor do encaixe moderno e as posibilidades de aplicación destes modelos máis alá do enxoval tradicional. Os 3 autores das pezas expostas son Franco Quintás, modista deseñador de traxes de noiva, cerimonia e festa, procedente de Vilagarcía de Arousa; Ana Miguéns, deseñadora de complementos e decoración, tamén de Vilagarcía de Arousa; e Pilar Cupeiro, artista lucense multidisciplinar, especializada en luminarias. Estes profesionais incorporan á mostra os traballos das palilleiras galegas Marisa Hermida, Milagros Vázquez, Ana María Aneiros e Dolorez Vázquez. Na exposición poderanse ver vestidos de festa, cerimonia, tradicionais ou obxectos de decoración como lámpadas.

O horario da mostra será de luns a venres, de 10:30 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas. Sábados, domingos e festivos de 11:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:00 horas.

Obradoiros

O PalillAD inclúe 6 obradoiros, impartidos pola galega Milagros Vázquez, sobre a iniciación ao encaixe, nivel medio e perfeccionamento das técnicas de encaixe moderno, remate, fío máxico, encaixe ruso e cinta. Os cursos están dirixidos a palilleiras e persoas que queiran iniciarse na disciplina do encaixe.

Terán lugar os días 20, 22 e 29 de xuño e 6, 13 e 20 de xullo na Capela de Santa María en horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas. Os interesados deberán enviar un correo a info.centrad@deputacionlugo.org co obradoiro solicitado, datos persoais e número de teléfono.

Información sobre el documento

Centro de Artesanía e Deseño
Travesía da Rúa Chantada s/n – 27004 Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 21 00 66
E-mail: info.centrad@deputacionlugo.org