Deputación de Lugo
Fondo cabecera CENTRAD

Actualidade

Máis de 80 persoas participaron nos roteiros por 16 obradoiros artesáns da provincia

- Trátase  da iniciativa do Goberno Provincial coa que ofreceu a 83 persoas visitas a 16 obradoiros de artesáns por toda a provincia durante o 31 de marzo, 1 e 2 de abril para celebrar os Días Europeos da Artesanía
- Este domingo, tivo lugar o roteiro pola zona Sur da provincia, no que participaron 30 persoas que visitaron Arxemil Luthier, a Feira de Antigüidades, o Pazo de Tor, a Rectoral Gundivós e Armaior
- Durante toda a fin de semana, o Centro de Artesanía e Deseño Durante ofreceu xornadas de portas abertas para coñecer as coleccións e os obradoiros que posúe

Máis de 80 persoas participaron nos roteiros por 16 obradoiros artesáns da provincia

A Deputada de Cultura, Deseño e Artesanía, Pilar García Porto, e a Tenente Alcalde de Monforte de Lemos, Gloria María Prada Rodríguez, participaron este domingo no roteiro a obradoiros de artesáns da zona sur da provincia, totalmente gratuítos, que o Executivo Provincial ofreceu con motivo dos Días Europeos da Artesanía. Durante a fin de semana participaron 83 persoas nos 3 roteiros a obradoiros por toda a provincia.

En concreto, na ruta pola zona sur foron 30 persoas as que visitaron os obradoiros dos artesáns e coñeceron as coleccións que posúe o Museo Pazo de Tor da Deputación. O venres 31 de marzo, participaron 13 lucenses no roteiro pola zona centro, e o 1 de abril na zona da mariña da participaron 40 persoas.

Durante os Días Europeos da Artesanía, o Centro de Artesanía e Deseño ofreceu xornadas de portas abertas, totalmente gratuítas para os lucenses, nas que puideron visitar a Exposición Plastishistoria da Ciencia, a Colección de Instrumentos Musicais, e os obradoiros do Moble, do Libro e Instrumentos Musicais.

Visitas da zona sur
- Arxemil Luthería: sumouse á celebración dos Días Europeos da Artesanía abrindo as portas do seu obradoiro a todos aqueles interesados no mundo da construción de violíns, violas, violoncelos e zanfonas. O taller atópase situado en pleno Camiño de Santiago, en Sarria, provincia de Lugo onde a influencia xacobea deixou pegada nesta localidade na que tradicionalmente proliferaron os construtores de instrumentos musicais. Xermán Arias é o herdeiro deste bo facer e coñece como ninguén as claves para un bo instrumento. Participou na reconstrución dos instrumentos do Pórtico da Gloria e fai soar a zanfona sempre que a ocasión mereza a pena, aínda que é no mundo da música clásica onde ten a maioría dos seus encargos.

- Centro Oleiro Reitoral de Gundivós: Pola súa historia e características xeográficas Galicia é territorio onde proliferan os oficios tradicionais vinculados a sectores produtivos primarios. Un dos oficios máis ancestrais é a olería, esencialmente rural, que nos traslada nos seus produtos unha mensaxe étnica e de autenticidade, que a principios deste século tivo unha gran influencia na sociedade e economía de zonas como Gundivós, municipio de Sober en plena Ribeira Sacra, onde nos seus mellores tempos chegaron a traballar uns trinta oleiros. A olería máis ancestral de Galicia, quizais tamén a máis primitiva de España, tal vez houbese desaparecido xa se non fose por un mozo que se resistiu a seguir o mesmo camiño dos seus veciños e resolveu continuar coa tradición do seu bisavó. Con axuda da súa familia José Elías González comprou a casa reitoral, rehabilitouna e converteuna nun taller museo onde se recollen pezas históricas e elementos etnográficos da zona ao redor dun encantador espazo onde tornea os famosos xarros sobre o torno de man de orixe romana, para terminar afumando cada peza conforme manda a tradición.

- Museo Pazo de Tor: Os participantes do roteiro aproveitaron a xornada para visitar as instalacións e as coleccións que alberga o Museo Pazo de Tor do Concello de Monforte de Lemos.

- Armaior: celebrou os Días Europeos da Artesanía abrindo as portas do seu taller a todos os interesados na tornería de madeira de oliveira. O taller atópase situado no lugar de Toca, Quiroga ao pé da serra do Caurel e en plena Ribeira Sacra na provincia de Lugo. Os seus responsables Pablo e Álvaro Rodríguez contan cunha ampla traxectoria profesional no sector da carpintería tradicional e o traballo con madeiras autóctonas, que derivou nos últimos anos na creación dunha liña de pezas utilitarias e decorativas de madeira de oliveira que polas súas características antibacterianas fana perfecta para o seu uso culinario. Fontes, morteiros, táboas, creadas de forma totalmente artesanal de formas suaves, torneadas coa sensibilidade e o respecto do que coñece os bosques máxicos e nutricios.

- Feira de Antigüidades: Durante a xornada os participantes ao roteiro da zona Sur da provincia visitaron os diferentes postos da Feira de Antigüidades do Concello de Monforte de Lemos.

Días Europeos da Artesanía
Os Días Europeos da Artesanía é unha iniciativa de proxección internacional que tivo a súa orixe nos Journées des Métiers d´Art que se celebran en Francia dende o ano 2002 e en varios países da Unión Europea. En España os Días Europeos da Artesanía están promovidos pola Escola de Organización Industrial EOI e pola súa cátedra de promoción da artesanía, Fundesarte, entidade pública sen ánimo de lucro adscrita ao Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo cuxo principal obxectivo é a mellora da competitividade das empresas artesanais e a súa promoción dentro e fora das nosas fronteiras.

Os Días Europeos da Artesanía achegan ao público a singularidade da artesanía e os seus oficios, a súa evolución, o uso de novos materiais así como a implicación das novas tecnoloxías coas técnicas tradicionais. Artesáns, Escolas de Artes Aplicadas, Museos, Asociacións Artesanais e Corporacións Locais, súmanse a este proxecto para mostrar aos cidadáns o patrimonio e a creatividade da man dos oficios artesáns, mediante unha oferta de actividades para tódolos públicos.

Información sobre el documento

Centro de Artesanía e Deseño
Travesía da Rúa Chantada s/n – 27004 Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 21 00 66
E-mail: info.centrad@deputacionlugo.org