Deputación de Lugo
Fondo cabecera CENTRAD

Actualidad

Portas abertas no CENTRAD e 3 roteiros a obradoiros, actividades do Goberno da Deputación os Días Europeos da Artesanía

- Trátase  da iniciativa do Goberno Provincial coa que ofrece visitas a obradoiros de artesáns por toda a provincia durante o 31 de marzo, 1 e 2 de abril para celebrar os Días Europeos da Artesanía
- Este venres tivo lugar o roteiro pola zona Centro da provincia, no que os participantes visitaron Barro en Vivo, Traxandaina, Mi madre no lo sabe, Quercur, Pátina, Obradoiro Lis, Augatina e Amalgama
- Ademais hai xornadas de portas abertas durante os tres días no Centro de Artesanía e Deseño. O horario é de 10:30 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas

Portas abertas no CENTRAD e 3 roteiros a obradoiros, actividades do Goberno da Deputación os Días Europeos da Artesanía

O Goberno da Deputación ten programados durante este venres, o sábado e o domingo, 3 roteiros para visitar obradoiros de artesáns de toda a provincia (zona Centro, Mariña e Sur), totalmente gratuítos, para celebrar os Días Europeos da Artesanía. Ademais, durante a fin de semana, o Centro de Artesanía e Deseño ofrece xornadas de portas abertas, totalmente de balde, nas que poderán visitar a Exposición Plastishistoria da Ciencia, a Colección de Instrumentos Musicais, e os obradoiros do Moble, do Libro e Instrumentos Musicais. O horario é de 10:30 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas.

Roteiro da Zona Centro
- Barro en Vivo: sumouse á celebración dos Días Europeos da Artesanía abrindo as súas portas a todas aquelas persoas interesadas no mundo da cerámica artística como vehículo de crecemento integral no mundo educativo, tanto polas súas posibilidades de relación coa contorna, como polas súas prestacións no desenvolvemento afectivo, cognitivo, emocional, mellora de confianza e autoestima das persoas. Compaxinan o seu traballo de peza única de carácter escultórico e trazos hiperrealistas, coa produción de pequenas series de produtos decorativos feitos de forma totalmente artesanal, e a celebración de talleres e campamentos educativos en toda Galicia.

- Traxandaina: celebra os Días Europeos da Artesanía abrindo as portas do seu taller a todos aqueles interesados na investigación e reprodución de pezas antigas de indumentaria tradicional. Nos seus teares dan vida a vellos picotes, gorullos e levantados, aos que dan a cor e a textura de outrora para confeccionalos con técnicas que reproducen fielmente o espírito e saber facer dos seus antepasados.

- Mi Madre no me deja: súmase á celebración dos Días Europeos da Artesanía abrindo as portas do seu obradoiro a todos aqueles interesados en coñecer o seu imaxinario: debuxos, ilustracións e esculturas transformadas en obxectos de uso cotián como vaixelas, cerámica e téxtiles de todo tipo. Traballan a serigrafía artesanal de forma directa no téxtil e indirecta sobre cerámica, técnica e material que permítelles enlazar o mundo da arte e a artesanía de forma armoniosa e complementaria.

- Quercur: súmase á celebración dos Días Europeos da Artesanía abrindo as portas do seu taller a todos aqueles coleccionistas ou curiosos interesados no mundo das fundas para coitelos, navallas e armas históricas, armaduras e corazas de coiro, complementos para motociclistas custom, complementos para home fortemente inspirados na tradición vaqueira americana e artigos para actividades ao aire libre inspirados nos aventureiros e tramperos do século XIX. Achégate a descubrir o agarimo e a paixón coa que José Ramón Melchor afronta cada paso do seu traballo: deseño, repuxado, policromado, mateado, cosido todo con calma, ata obter unha peza ruda, cálida e elegante que perdurará no tempo.

- Augatinta: celebra os Días Europeos da Artesanía abrindo as súas portas para todos aqueles interesados no mundo do gravado. Un centro integral dedicado á produción de elementos de papelería singulares como cartóns, invitacións, soportes para envíos personalizados, agasallo de empresa ou obsequio institucionais; onde ademais poderás formarte da man dos mellores especialistas en técnicas que van desde o máis tradicional (augaforte, punta seca, verniz brando, augatinta, xilografía e linóleo) pasando polo máis actual (fotogravado non tóxico e verniz acrílico) ata as técnicas máis novas, experimentais e interdisciplinares.

- Amalgama: é un espazo dedicado á artesanía en xeral e aos oficios da pratería e cestería en particular que se suma á celebración dos Días Europeos da Artesanía abrindo as súas portas ao público para que coñezas de cerca o traballo dos seus propietarios. Carmen Fieiras dedícase á cestería desde fai vinte anos, conxugando a produción das súas coleccións de cestería de estilo actual e vivaz colorido, coa organización de cursos de cestería para todos os públicos. O seu socio Adolfo Domínguez tamén imparte formación, é prateiro e conta cunha ampla traxectoria profesional que evolucionou ata a creación de pezas contemporáneas nas que incorpora materiais nobres como a madeira, a lousa ou os coñecidos ollomaos.

Roteiros na zona Norte e Sur
O sábado 1 de abril: os participantes dos roteiros visitarán os obradoiros artesáns da mariña lucense.
- Ás 9:00 horas comezará o roteiro na Rolda da Muralla.
- De 10:15 a 11:15 horas visita a Taller Estampa.
- De 12:15 a 14:00 horas visita a Astilleros Fra.
- De 16:00 a 17:30 horas visita a Oscar Rodríguez.
- De 17:45 a 19:45 horas visita a Regal Cerámica.

O domingo 2 de abril: os participantes dos roteiros visitarán os obradoiros artesáns do sur da provincia.
- Ás 9:00 horas comezará o roteiro na Rolda da Muralla.
- De 9:40 a 11:10 horas visita a Arxemil Luthier.
- De 11:00 a 11:45 horas visita á Feira de Antigüidades.
- De 12:30 a 14:00 horas visita ao Museo Pazo de Tor.
- De 15:45 a 17:00 horas visita a Rectoral Gundivós.
- De 18:15 a 19:30 horas vista a Armaior.

Información sobre el documento

Centro de Artesanía e Deseño
Travesía da Rúa Chantada s/n – 27004 Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 21 00 66
E-mail: info.centrad@deputacionlugo.org