Deputación de Lugo
Fondo cabecera CENTRAD

Actualidad

O Goberno da Deputación leva á Capela de Santa María 5 concertos de música gratuítos co novo MusicAD

- A Deputada de Cultura presentou este venres a nova edición do MusicAD, a programación musical de primeiro nivel que ofrece o Goberno provincial en Marzo
- Os concertos serán o 4, 8, 11, 18 e 25 de marzo. Todas as actuacións terán lugar na sala de exposicións da Capela de Santa María ás 20:30 horas. A entrada é gratuíta
- Actuarán a violonchelista Rosa Cedrón, o grupo Batuka Batuko, o compositor Xosé Manuel Budiño, os galeses Allaw e o dúo formado por Davide Salvado e Pedro Pascual
- Ata o 26 de marzo estará exposta a colección fotográfica Outras Miradas da artista Alex F. Romero, na Capela de Santa María, que complementa a programación musical
O Goberno da Deputación leva á Capela de Santa María 5 concertos de música gratuítos co novo MusicAD        A Deputada de Cultura, Deseño e Artesanía, Pilar García Porto, presentou este venres na Capela de Santa María o MusicAD, a nova programación musical, totalmente gratuíta. Esta iniciativa que organiza o Goberno Provincial a través do CENTRAD achega 5 actuacións de música á Capela de Santa María dende o 4 ata o 25 de marzo.

García Porto explicou que “dende o Goberno da Deputación apostamos por este tipo de actividades que achegan gratuitamente unha programación musical de primeiro nivel a todos os lucenses, e que axudan a fomentar e difundir o traballo dos artistas da provincia. Ademais, con este tipo de iniciativas lúdico-culturais impulsamos o consumo e dinamizamos a vida na cidade”.

Todos os concertos terán lugar na Sala de exposicións da Capela de Santa María ás 20:30 horas. As entradas totalmente gratuítas, poderanse recoller na propia Capela de Santa María. Máis información no 982210066.

Programación
- Sábado 4 de marzo:  A violonchelista lucense Rosa Cedrón interpretará o seu traballo Nada que perder. Entre dous mares supuxo unha dose de aire fresco nunha atmosfera musical viciada por un alongado encerro en si mesma. Eloxiado por crítica e público, conseguiu o recoñecemento de Rosa Cedrón, por méritos propios, nunha nova artista para ter en conta no eido do folk e da world music a nivel mundial. Isto levouna a xirar por toda España e a tocar en cidades como Nova York, Toulouse ou Bos Aires. En Nada que perder experimenta cos lindes da world music sen clixés nin estereotipos que a deteñan, logrando un disco cheo de luz onde as súas propias composicións son a mellor mostra da atmosfera persoalísima que só Rosa pode chegar a crear.

- Mércores 8 de marzo: actuará o grupo Batuko Tabanka. Este conxunto de doce mulleres de Cabo Verde, afincadas en Burela, baten con furia e alegría sobre un pano pregado que colocan entre as pernas: o batuko. Tabanka é unha asociación que se fundou co obxectivo de dignificar a cultura caboverdiana, lembrar a procedencia da nai África en todos os expoñentes culturais posíbeis e a súa música é algún dos múltiples presentes que nos brindan estas polifacéticas mulleres.

- Sábado 11 de marzo: actuará o compositor Xosé Manuel Budiño, un artista atípico que esperta admiración entre os seus, un creador fascinante que enraíza a súa música na tradición galega mesturada sutilmente cos sons máis contemporáneos, un músico co seu “sotaque”. As súas creacións, os seus espectáculos en directo son recoñecidos mundialmente pola crítica especializada e afianzados con premios de prestixio entre a profesión.

- Sábado 18 de marzo: actuará o grupo galés Allaw, composto por Dylan Fowler, Oli Wilson-Dickson e Jamie Smith, que realizarán unha viaxe musical a través da India, Bulgaria é sobre todo das cancións galesas. Desde a elegancia ao virtuosismo, Alaw reflicte unha empatía que vén de moitos anos de traballo conxunto. Dylan e Oliver tocaron xuntos en Szapora e na orquestra Ian McMillan.

- Sábado 25 de marzo: O cantautor lucense Davide Salvado e o músico Pedro Pascual interpretarán Lobos, o seu último traballo. Davide Salvado é, sen dúbida, unha das voces máis carismáticas do noso país. De formación autodidacta, leva media vida percorrendo as aldeas na procura de ritmos, coplas e danzas. De todas esas mulleres que se foi atopando, aprendeu non só a tradición na música, senón todo un xeito de vivir. Pedro Pascual (acordeón e cordas) é o produtor do último disco de Davide, Lobos. Na actualidade toca no grupo Talabarte e ten una ampla traxectoria en bandas tan coñecidas como Marful.

Outras Miradas
Durante o acto, a Deputada de Cultura presentou Outras Miradas, a mostra da fotógrafa Alex F. Romero que estará exposta ata o 26 de Marzo na Capela de Santa María. Con esta colección de 20 instantáneas, a autora persegue reflectir a rotura de pautas sociais establecidas, e ao mesmo tempo, mostrar as desigualdades e discriminacións que sofren as mulleres a diario.

Información sobre el documento

Centro de Artesanía e Deseño
Travesía da Rúa Chantada s/n – 27004 Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 21 00 66
E-mail: info.centrad@deputacionlugo.org