Deputación de Lugo
Fondo cabecera CENTRAD

Actualidade

“Rosalía sempre viva” unha programación especial da Área de Cultura da Deputación de Lugo encol do 24 de febreiro, Día de Rosalía

Ferreiro: “con esta programación queremos traer á actualidade e lembrar a quen foi unha escritora radical, culta, feminista e comprometida co noso País, coas súas clases populares e cos sinais de identidade da Galiza”.
“Rosalía sempre viva” unha programación especial da Área de Cultura da Deputación de Lugo encol do 24 de febreiro, Día de Rosalía

O Delegado de Cultura da Deputación de Lugo, o nacionalista Xosé Ferreiro, presentou esta mañá unha programación especial encol do 24 de febreiro, Día de Rosalía de Castro, que desde a Área de Cultura da Deputación de Lugo poñerán en marcha a partir do vindeiro 22 de febreiro.

En palabras de Xosé Ferreiro, “con esta programación queremos celebrar o día de Rosalía de Castro, poñendo en valor a vida e obra de que é non só a escritora máis representativa da lingua e da literatura galegas, senón tamén a que marcou o camiño a seguir ao iniciar o proceso de recuperación de usos do galego co obxectivo de lle devolver a dignidade da que fora desposuído”, sinalou.

Ferreiro desglosou a programación preparada en torno a esta data coa que desde a Área de Cultura da Deputación de Lugo queren “traer á actualidade e lembrar a quen foi unha escritora radical, culta, feminista e comprometida co noso País, coas súas clases populares e cos sinais de identidade da Galiza, entre os que se conta o idioma galego, hoxe especialmente ameazado”, indicou o Delegado de Cultura.

Exposicións, obradoiros, títeres e concertos forman parte desta completa programación.

Baixo o nome de “Rosalía sempre viva” esta programación comezará o vindeiro luns, 22 de febreiro, na Sala de Exposicións da Deputación, coa inauguración da exposición “Airiños, aires…Rosalía” do fotógrafo Xurxo Lobato e en colaboración coa Fundación Rosalía de Castro. Continuará o mércores 24 de febreiro cun acto público organizado pola Asociación de Escritores e Escritoras en lingua galega (AELG), que conta coa colaboración da Área de Cultura da Deputación, e que terá lugar ás 12:30 horas no Centro ocupacional de ASPNAIS en Lugo, contando co acompañamento musical de Branca Villares e Pablo Pintor. Este mesmo día 24 ás 20 horas na Capela de Santa María terá lugar a inauguración da reedición da exposición “Imaxinando Cantares Gallegos”, co acompañamento musical de Solo Voces.

A programación continuará nos vindeiros días co espectáculo para público familiar “A viaxe de Rosalía” da titiriteira Larraitz Urrusola, que terá lugar na Sala de Exposicións da Deputación a partir das 17:30 horas. O venres 4 de marzo será o turno de Solo Voces, cun concerto na Capela de Santa María a partir das 20 horas baixo o nome “Eu cantar, cantar, cantei…a Rosalía”. Continuará a programación o mércores 9 de marzo, co obradoiro infantil “A lanterna máxica Rosaliana” de 17:30 a 19:30 horas na Sala de Exposicións da Deputación. Este obradoiro precisa de inscrición previa no teléfono 982-260-180 ou no e-mail ana.culturaedeporte@deputacionlugo.org. Pechará esta programación a cantante SÉS, cun concerto en acústico na Capela de Santa María o venres 18 de marzo, a partir das 20 horas.

Esta programación será completada con obradoiros infantís tanto na Rede Museística, cunha programación específica baixo o nome de “Follas novas, novas follas” (máis información en www.redemuseisticalugo.org, como no CENTRAD, onde haberá obradoiros infantís o sábado 5 e 12 de marzo, baixo o nome “Ilustrando a Rosalía” (máis información en www.centrad.org)

Descargas

Información sobre el documento

Centro de Artesanía e Deseño
Travesía da Rúa Chantada s/n – 27004 Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 21 00 66
E-mail: info.centrad@deputacionlugo.org