Deputación de Lugo
Fondo cabecera CENTRAD

Actualidad

Feireando...polo Nadal pecha as súas portas cun resultado “satisfactorio e positivo”

A mostra de artesanía “Feireando...polo Nadal” posta en marcha desde a Área de Cultura da Deputación de Lugo, a través do Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD), pecha hoxe as súas portas cun resultado “satisfactorio e positivo” , indicou o Delegado de Cultura, o nacionalista Xosé Ferreiro.

Ferreiro destacou que “esta primeira edición de “Feireando...polo Nadal” cumpriu cos obxectivos polos que desde a Área de Cultura da Deputación de Lugo apostamos por organizar esta mostra de artesanía: pór en valor a artesanía galega, achegándolla ao público en xeral para que coñeza que contamos con artesanía de primeirísima calidade, tanto en Lugo como no conxunto de Galiza, e contribuír a aumentar as vendas das e dos nosos artesáns durante esta tempada de Nadal”.

Para a celebración de “Feireando...polo Nadal” instaláronse un total de 8 casetas de madeira nas que artesás e artesáns como Cabuxa, Amálgama, Artesanía O Mestizo, Barro en Vivo, Mis Marinillas, M&N Joyas, Regal Cerámica e Tres Caracoles puxeron á venda os seus artigos. Así, as e os lucenses e visitantes tiveron a oportunidade de adquirir desde cerámica galega, pasando por todo tipo de artigos en coiro, xoiería ou cestería.

A estas casetas sumáronselle outras dúas nas que o un Apalpador e o seu burriño, elaborados de xeito totalmente artesanal polas traballadoras e traballadores do CENTRAD, recibían ao público que se achegou para desfrutar coas actividades programadas: demostracións de diversas vertentes da artesanía como o gravado, a cargo de Isabel Somoza, a tornería de madeira, a cargo de Félix Paz, o fiado da lá, a cargo da Asociación Cultural Bolboreta Fiandeira e o fiado do liño, da man da Asociación de Mulleres Rurais de San Bartolomeu de Ínsua. A proposta cultural de “Feireando...polo Nadal” completouse coa teatralización de “Rodesindo da Barrosa. O Afiador” a cargo do actor mariñán Pepe Penabade ou coa actuación musical do Cé Orquestra Pantasma.

Información sobre el documento

Centro de Artesanía e Deseño
Travesía da Rúa Chantada s/n – 27004 Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 21 00 66
E-mail: info.centrad@deputacionlugo.org