Deputación de Lugo
Fondo cabecera CENTRAD

Actualidad

A Deputación conmemora o centenario do coro lucense Cántigas e Aturuxos, o primeiro en gravar o Himno Galego

- Regina Polín presentou os actos de recoñecemento ao “coro máis importante e participativo da época, e da historia da cidade de Lugo”. Desexou que a súa música “non caia no esquecemento e siga vixente a súa memoria musical lucense e galeguista”
- Entre os actos programados para esta homenaxe inclúese a publicación dun libro de Ramón González González, a actuación de coros históricos no Salón de Actos da Deputación e unha exposición que acollerá o CENTRAD

A Deputación conmemora o centenario do coro lucense Cántigas e Aturuxos, o primeiro en gravar o Himno Galego

A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, e o director da Editorial Ouvirmos, Xosé Manuel Aldea, presentaron este martes no Salón de Actos do Pazo de San Marcos a programación de actos organizada polo colectivo coa colaboración do organismo provincial para conmemorar o centenario do coro lucense Cántigas e Aturuxos, o primeiro en gravar o Himno Galego.

No acto, no que tamén estivo presente a Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo, Polín reivindicou o papel activo do coro, lembrando a
figura da agrupación musical como “o coro máis importante e participativo da época, e da historia da cidade de Lugo”, posto que participaba nos actos culturais máis importantes do momento, como a recadación para a construción do Hospital de Santa María, as conferencias do Grupo Rosel ou a I Asamblea Nazonalista. A Deputada de Deseño e Artesanía avogou por que a música popular e folclórica deste coro “non caia no esquecemento, que siga vixente a súa memoria musical lucense e galeguista, non só no ano do seu centenario, senón para sempre”.

Pola súa banda, Aldea agradeceu a “colaboración entusiasta e personalizada da Deputación coa sensibilidade histórica e cultura luguesa”, ao tempo que destacou a importancia das primeiras gravacións do coro, realizadas en gramófono.

Cántigas e Aturuxos na memoria dos lugueses
Os actos programados para esta homenaxe arrincarán este mércores coa presentación do libro “Coro Cántigas e Aturuxos. Repertorio Lucense 1918”, do escritor Ramón González González, quen tamén asistiu á presentación. Un libro que recolle a historia completa deste coro. Esta obra literaria, acompañada por un CD que inclúe 20 temas que recuperan os primeiros rexistros sonoros do coro no ano 1918, foi editada por Ouvirmos coa colaboración da Deputación e do Centro de Artesanía e Deseño.

Dentro da programación tamén se inclúe a actuación de coros históricos. O Coro Toxos e Froles, a Coral de Ruada, Cantigas e Agarimos e Cántigas da Terra actuarán durante os vindeiros meses de marzo e abril, concretamente o 21 e o 28 de marzo e o 4 e 11 de abril, respectivamente. Todas as funcións musicais terán lugar no Salón de Actos da Deputación, a partir das 19:00 horas.

Unha mostra aberta ao público e gratuíta sobre as primeiras gravacións lucenses deste coro, a partir do vindeiro 19 de marzo no Centro de Artesanía e Deseño, porá o broche de ouro a estes actos de recoñecemento, “que poñen en valor a música e a cultura luguesa”, segundo destacou Polín.

Imágenes

A Deputación conmemora o centenario do coro lucense Cántigas e Aturuxos, o primeiro en gravar o Himno Galego

Información sobre el documento

Centro de Artesanía e Deseño
Travesía da Rúa Chantada s/n – 27004 Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 21 00 66
E-mail: info.centrad@deputacionlugo.org