Deputación de Lugo
Fondo cabecera CENTRAD

Actualidade

A praza de San Marcos vístese de Nadal co III Mercado “Merca o teu”

- Gómez Besteiro inaugurou o certame, que conta con 12 casetas nas que os lugueses e visitantes poderán adquirir produtos agroalimentarios e de artesanía. A praza tamén acollerá unha caseta de información e outra do CENTRAD
- O mercado, cuxa facturación nas pasadas convocatorias acadou os 25.000 euros, inclúe tamén demostracións en vivo para todos os públicos e sorteos diarios
- Permanecerá aberto ata o 5 de xaneiro, agás os días festivos, de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:30 horas. Os días 24 e 31 de decembro o horario de tarde será de 16:30 a 18:30 horas

A praza de San Marcos vístese de Nadal co III Mercado “Merca o teu”

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, inaugurou este venres na praza de San Marcos o III Mercado de Nadal “Merca o teu”, a feira de artesanía e produtos agroalimentarios que o organismo provincial pon en marcha a través do Centro de Artesanía e Deseño para impulsar as vendas das PEMES e autónomos destes sectores, ao tempo que promove e difunde a artesanía e os produtos autóctonos lugueses aproveitando o Nadal.

Durante o acto de inauguración, que contou coa participación dos cativos do Centro de Ensinanza Musical Rossini que interpretaron varias panxoliñas, o Presidente animou a todos os lugueses a “mercar de xeito intelixente e adquirir neste mercado produtos gastronómicos de Lugo e artesanía da provincia como agasallos de Nadal. Deste xeito favorecemos o crecemento das pequenas e medianas empresas e autónomos, eixo vertebrador da economía luguesa”, subliñou Besteiro.  

12 casetas e 15 días para “Mercar o teu”
O III Mercado de Nadal conta con 12 casetas de madeira nas que os produtores e artesáns da provincia teñen á venda os seus artigos. Os lugueses e visitantes poderán adquirir pan, empanadas, queixos, embutidos, noces e derivados ou respostería; así como todo tipo de complementos de moda e artigos para o fogar elaborados de xeito artesanal. A estas casetas súmanse outras dúas: unha de información e outra do CENTRAD, onde se expoñen os traballos que se realizan nos seus obradoiros, e na que se desenvolverán demostracións en vivo. “Merca o teu” é un mercado de participación gratuíta para os profesionais, cuxa facturación nas pasadas convocatorias ascendeu a 25.000 euros.

Esta terceira edición de “Merca o teu” celébrase dende hoxe e ata o 5 de xaneiro, en horario de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:30 horas, agás o 24 e o 31 de decembro, cando a xornada de tarde será de 16:30 a 18:30 horas. O día 25 de decembro e 1 de xaneiro o mercado permanecerá pechado.

Demostracións en vivo e sorteos diarios
Ademais de facer as súas compras, os lugueses e os visitantes poderán participar en concursos e actividades organizados de xeito paralelo ao mercado. Haberá demostracións en vivo de artesáns na caseta do CENTRAD, tanto para os máis cativos como para adultos. As demostracións arrancarán mañá, cun taller de lucecús para os nenos que se alongará o domingo. O luns 22 e o 30 de decembro será a quenda do obradoiro de canteiría; o 23 de decembro e o 4 de xaneiro de cerámica; o 24 de decembro e o 3 de xaneiro de cestaría para nenos; o 26, 28 e 29 de decembro, o  de encaixe; o 27 e 31 de decembro de xoiería, e o 2 e 5 de xaneiro de tala de maderia. Todos eles se realizarán en horario de tarde, de 17:30 a 19:00 horas. Tamén se sorteará cada día unha cesta entre os compradores e unha gran cesta de Reis o día 5 de xaneiro ás 20:00 horas.

Os máis cativos tamén terán a oportunidade de reciclar agasallos nun obradoiro gratuíto que se celebrará nas instalacións da Deputación entre o vindeiro luns e o 7 de xaneiro, a excepción dos festivos. Para máis información, pódese consultar a páxina web www.deputacionlugo.gal

Enlaces Adicionales

Imáxes

A praza de San Marcos vístese de Nadal co III Mercado “Merca o teu”

Información sobre el documento

Centro de Artesanía e Deseño
Travesía da Rúa Chantada s/n – 27004 Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 21 00 66
E-mail: info.centrad@deputacionlugo.org