Deputación de Lugo
Fondo cabecera CENTRAD

Actualidad

A Deputación achega ós veciños de Taboada a artesanía da provincia

O Centrad leva a este Concello unha mostra dos seus fondos propios e un obradoiro de cestería, actividades solicitadas polas asociacións de veciños Os de aiquí e O carballo

Regina Polín mantivo un encontro cos responsables destes colectivos ós que lles insistiu na importancia da colaboración para divulgar a artesanía da provincia entre a poboación

FOTO A Deputación achega ós veciños de Taboada a artesanía da provincia

O Centro de Artesanía e Deseño da Deputación desenvolve en Taboada varias actividades solicitadas polos veciños deste Concello. A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, e a Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, mantiveron un encontro con responsables das entidades que pediron estas colaboracións. As Deputadas visitaron a exposición de artesanía que se atopa na Casa da Cultura de Taboada, que foi solicitada pola asociación Os de aiquí e participaron no curso de cestería que se celebra no mesmo lugar a petición da asociación O Carballo.

Regina Polín salientou a importancia de manter colaboracións coas asociacións “as auténticas responsables da conservación da tradición artesá da provincia” e destacou o carácter divulgador destas entidades “tan próximas ós veciños”. Neste senso, a Deputada insistiu en que os fondos do Centrad están a disposición dos Concellos e asociacións para expoñer en datas e lugares que permitan a todos os lucenses coñecer as pezas máis características da artesanía da provincia.

A Casa da Cultura do Concello de Taboada acolle estes días unha mostra da artesanía de toda a provincia pertencente ós fondos do Centrad. Os veciños da asociación Os de aiquí solicitárona despois de ver unha mostra similar que a Deputación levou a Vilalba en colaboración coa Liga Santaballesa e nela se poden ver reproducións de instrumentos musicais, e diversos traballos de cantería, cestería, cerámica e vidro. Na exposición inclúense 8 traxes tradicionais realizados polos artesáns do Centrad empregando materiais e técnicas tradicionais.

Na súa visita a este Concello, a Deputada tamén participou nun curso de cestería que se imparte na casa da Cultura para os membros da Asociación O Carballo. A Deputada puido comprobar que nas 20 horas de duración deste curso de iniciación, a ducia de participantes aprenderon a realizar cestos tradicionais para o que empregan diferentes materiais como vimbio e varas.

Información sobre el documento

Centro de Artesanía e Deseño
Travesía da Rúa Chantada s/n – 27004 Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 21 00 66
E-mail: info.centrad@deputacionlugo.org